24 oct 2008

Canto nos poden contar...¡

Julia naceu o 21 de Xullo do 1913, é unha das persoas mas vellas da nosa localidade e a pesar da sua idade conserva unha memoria privilexiada , disfruta contando as moitisimas anécdotas vividas ó longo de tantos anos e que lembra con absoluta claridade, para ela é un orgullo contarnos as suas vivencias e para nós é un pracer escoitala e viaxar a aquela época por úns intres…
Conta que un dos seus bisavós durou 106 anos... ela non vai por mal camiño porque ademais de levar unha vida tranquila nun entorno sano e privilexiado como é a Vixa de Abaixo está claro que a xenética botaralle unha man¡
Perdeu a sua nai de xove e o seu pai, ademais de chanqueiro, traballaba as terras do rico da Terra Chá, un traballo que lles daba o suficiente para vivir sen apuros a pesares de todo…
Ata os 14 anos non tibo os seus primeiros zapatos, ata entón no inverno andaba coas chancas que lle facía o pai e no verán descalza, para ela era moito mais cómodo e sobre todo cando debía carrar os feixes da herba para o gando. Aqueles primeiros zapatos mercárallos un primo de Barcelona cando veu coñecer a familia da Galiza, o pai do rapaz foi un dos moitos emigrantes que fixo cartos no exterior, neste caso nas terras catalanas e según nos di conta Julia ‘vivía moi ben’.
Este rapaz mercáralle os zapatos úns días que foi a Ourense para visitar a cidade cunha das outras primas , ela a pesares da tristura que tiña por non ser ela a escollida para acompañalo, quedou ‘tola de contente’cando viu o agasallo que lle trouxeran. Lembra que o primo de Barcelona tamén lle mercara o seu pai un carromato para as mulas, coa firme intención de que éste deixase de traballar as terras do rico e se adicase a feirante, mercar e vender facenda, xabón e o que poidese, ensinoulle a facer o xabón a partires da resina dos piñeiros…pero o pai non quería saber de cambiar de vida e o final o sobriño marchou e él seguiu coa sua vida de sempre.
Entre as moitas anecdotas relata, con certo xenio, que un día de moita chuvia que ía para a casa estaba na carretera un dos Cristinos de Bande ,con capital en Grou, tapado cun paraugas e vixiando mentres os xornaleiros lle traballaban a terra mollados ata as orellas, de vez en cando berráballes que había que traballar de ‘macho e femia’ e dicir, botar a aixada duas veces no mesmo sitio.
O rico pagáballe as mulleres 2 reais por cavar as videiras para que mais tarde os homes poidesen podar e limpar a viña…
Ela era boa moza e tiña moitos pretendentes, tivo o seu único fillo con 23 anos mentres o noivo cumpría o servizo militar, por unha serie de razóns a volta da mili distanciáronse e quedou solteira, polo que se adicou a criar o neno coa axuda do seu pai e sen contar con naide mais, pero non lle importou, pois ela co pequeño non precisaba mais e como ela di ‘xa non quixo saber mais dos homes’.
Por aquela época as festas mais sonadas eran o San Mamede, San Benito, Stª Marta, San Ramón de Torno e San Féliz na Feira Vella, 'o 15' de Entrimo veu moito despois pero para Julia as festas remataron cando foi nai, algo típico naquela época pois a que era nai solteira afastábase das festas, dos homes e da vida social en xeral.
Con especial interés falounos sobre o liño e o proceso que seguían ata que o fiaban e a partires del tecían chaquetas, saias, refaixos, toquillas… sendo esta unha das labores reservadas para as mulleres ;
O liño sementábase e os tres días xa estaba nacido, había que regalo moito, cando estaba grande arrincábase, ‘ripábase’, ‘escarpizábase’ nun artiluxo cos dentes de madeira e deixábase 7 días en auga no río, cumprida a semana ‘batíase’ contra as pedras e extendíase ata secar, logo cunha maza de pau ‘mazábase’ contra as pedras, mollábase e volvíase a mazar, a continuación ‘espadábase’ cunha espadela de pau e voltábase a ‘tascar’ (mazar), finalmente cun rastrelo ‘asedábase’ , que era poñelo suave, quedando por un lado o liño fino e por outro a ‘estopa’, os restos, finalmente íase os teares e fiábase para tecer o que fixese falta, o liño mais ruín podíase aproveitár para facer roupa de cama de menos calidade.

Por ela seguiría contando mais e mais historias, pero deixamos algo para outro día…
Grazas Julia.