20 ago 2008

Arquitectura e historia en Grou

A parroquia conserva importantes testemuños artísticos como expresión das devocións que reciben culto nela. Unha das mais significativas é a de San Benito, venerado na capela de San Benito, no monte de Grou. A importancia da devoción ó santo refléctese na monumentalidade da súa capela, con nabe cuberta por bóveda de canón e arcos faixóns, presbiterio elevado en altura con sancristía, e pórtico ós pés. A fachada amosa portada con orelleiras e fornela avieirada decorada con ovas no extradorso, decoración de grampas e placa. Contén a imaxe pétrea de San Benito, reproducida tamén en madeira no interior. No camiño de acceso á capela atópase tamén un peto de ánimas de toscas formas (atópase gardada para evitar roubos), con fornela excavada na fronte e cruz en relevo. Un fermoso cruceiro provisto de pousadoiro, co relevo de San Pedro no fuste, e as imaxes do crucificado e Dolorosa na cruz completan a arquitectura do San Benito.

Na Foz temos a capela adicada a Santa Catarina, con porta de medio punto de grandes doelas e espadana, a imaxe da santa figura nun altar barroco de estípites.

Na Pousa conságrase a capela da Santa Marta, construída en cachotería, con porta alintelada e espadana.

Na Rasela un peto de ánimas resolto en sinxela fornela avieirada con remate de cruz e pináculos en relevo.

A capela de Requeixo eríxese baixo a advocación de Santa Ana, estando a sua arquitectura moi modificada. Tallas de Santa Ana , San Benito e Inmaculada no seu interior.

A Igrexa parroquial construiuse no 1729, sendo un bo exemplar do barroco rural, con planta de cruz latina, a fachada é o mais destacado, concentrando a ornamentación no eixe central. Portada con marcos de orelleiras, sobre a clave motivo de sogueado, e enriba fornela avieirada, decorada con ovas, contendo a talla pétrea do titular. A espadana de esbelta traza, consta de dous corpos decrecentes.

A abundancia de retábulos proporciona a riqueza da imaxinería do templo. O maior, de dous corpos e tres rúas con columnas corintias, presenta a inscripción: 'ESTA OBRA SE DORÓ SIENDO ABAD DON MANUEL ANTONIO BOYLES AÑO DE 1772'.

Ocupan os seus ócos o sagrario a modo de tabernáculo, Sta Eufemia e Sta Tereixa; no corpo superior, San Mamede entre San Roque e o Anxo da Garda; no ático, o Padre Eterno.

No muro do evanxeo retábulo dun corpo con cornixa de perfil mixtilíneo, enmarcado por columnas salomónicas, e estípites nos extremos. A parece presidido por Cristo na cruz, sobre fondo de pintura de Xerusalén. No muro da Epístola, retábulo rococó dunha altura, organizado por columnas, decoradas con teas colgantes no primeiro tercio do fuste, e o resto con rocallas. Preside a virxe do Carme, entre as esculturas de San Xosé e Santiago peregrino, con San Sebastián no alto. No mesmo muro destaca o altar da Virxe do Rosario, dun corpo e tres ruas con fornelas, coa central resaltada, artellan a sua arquitectura columnas salomónicas. O oco central aparece ocupado coa imaxe da Virxe co Neno, flanqueada por fermosas tallas de Santos dominicos: Santo Tomás e San Xacinto, portando os seus atributos mais habituais, no ático San Francisco.

A riqueza da igrexa exprésase tamén na ourivería conservada, contando cunha boa cruz parroquial, feita en 1618 polo prateiro ourensán Gaspar Rodríguez, Adornan os extremos da cruz os Evanxelistas e as Virtudes Teologais. A miúda decoración dos brazos contrasta co nó da cruz, formado por dous corpos decrecentes dos que penden campaíñas, e fornelas coas figuras dos apóstolos

En canto nos sexa posible amosaremos imaxes destas obras.

No hay comentarios: